Resurrection
Guionistas: Ángela Andrada, Fernando Tato
Denís vive en Viveiro. Ten 17 anos e está en cadeira de rodas. É un virtuoso da guitarra eléctrica e un amante da música heavy que devece por ter a súa propia banda e tocar no “Resu”.
Porque Denís cando soña, non soña con camiñar, soña con tocar.
Cando a súa esperanza de formar parte dun grupo se frustra por estar en cadeira de rodas, só quedan dúas opcións: renunciar ao seu soño ou formar a súa propia banda.
Coa axuda da súa incombustible avoa Fina, que canta no coro da igrexa, da súa tía “Helen”, unha vella rockeira vida a menos que acaba de volver a casa con poucas gañas de reencontrarse co seu pasado, e doutros inadaptados da vila, Denís formará a banda da súa vida.
O seu obxectivo é claro: tocar no Resurrection Fest.
Nesta viaxe, chea de situacións delirantes, Denís descubrirá que o amor pola música e a familia é moito máis forte que as diferenzas e os problemas entre os individuos e que hai que perseguir os soños sempre, pase o que pase, sen importar o imposible que parezan.